19 de dec. de 2013

BOLETÍN DE NADAL 2013

Xa chegou o Nadal. E como vén sendo costume, a Biblioteca do colexio edita o seu boletín de lecturas recomendadas. Ten distintas seccións: Infantil, Primeiro ciclo, Segundo ciclo, Terceiro ciclo, Para os maiores, En compaña. Nelas atoparedes libros que, este ano, máis ca nunca, faránvos VIAXAR "POLO MUNDO ADIANTE".
Podesdes descargalo ou velo facendo clic na imaxe.
Boas festas e feliz 2014.
http://www.edu.xunta.es/centros/ceipcedeira/system/files/BOLET%C3%8DN+DA+BIBLIOTECA+DO+CEIP+DE+CEDEIRA+-+NADAL+2013.pdf

12 de dec. de 2013

Viaxando coa poesía

Continuamos na nosa viaxe “Polo mundo adiante”. Facémolo agora da man de doce poetas. Podemos ler os poemas que o alumnado de 5º e 6º foi deixando polas escaleiras . Subimos ás aulas ou á biblioteca e facemos unha parada para ler uns versos…, baixamos ao recreo e lemos outro… Cando os teñamos lidos, podemos elexir os nosos favoritos, aqueles que nos moven máis por dentro, que nos transportan a outros mundos, e que sempre nos traen de volta, de regreso.
   VIAXANDO CON : Rosalía, Antonio Machado, Ramón Cabanillas, Juan Ramón Jiménez, Uxio Novoneira, Mario Benedetti, , Rafael Alberti, Paula Carballeira, Gómez de la Serna, José Agustín Goytisolo, Jorge Manrique e Aquilino Iglesia Alvariño.                                                                               ANÍMASTE A  CREAR OS TEUS PROPIOS POEMAS?
   Ti tamén podes ser POETA. Escribe os teus versos e déixaos no maletín que está na biblioteca. Poderás velos publicados no blog.

11 de dec. de 2013

@s alumn@s de 3º Ciclo contan en Infantil

Como cada curso, animados por Tinteiro, a mascota da biblioteca, os alumnos e alumnas de 3º Ciclo foron contar contos aos nenos e nenas de Educación Infantil. Prepararon contos relacionados co proxecto deste ano "Polo mundo adiante", elaboraron actividades para despois do conto e ensaiaron. Cada martes, na hora de ler, baixaron ás aulas de 3, 4 e 5 anos e narráronlles os relatos. A experiencia está sendo moi enriquecedora porque para os maiores supón un esforzo de preparación e adaptación aos máis e pequenos; estes quedan abraiados por que os de 6º vaian lerlles un conto. velaí os tedes.



3 de nov. de 2013

Un ano máis atrevémonos a contar contos e microrrelatos á luz das candeas e das arrepiantes cabazas.
Os alumnos e alumnas reuníronse arredor d@s contador@s para escoitar os relatos que fixeron, algúns deles verdadeiramente sanguinarios e cheos de mortos e zombis.
A biblioteca recibiunos engalanada para a ocasión, converténdose nun entorno misterioso e sinistro. Con todo pasámolos moi ben.Vémonos o ano que vén no mesmo sitio.
samain na biblioteca de Cedeira

20 de maio de 2013

HOXE VISITOUNOS X. H. RIVADULLA CONDE "CORCÓN"

Hoxe visitounos X. H. Rivadulla Conde "Corcón" autor do libro Os Piratas da Illa da Esperanza, que o 3º Ciclo estivo a ler neste curso.
O alumnado fíxolle moitas preguntas, que el respostou amablemente ademais de engadir unha chea de información interesante sobre todo o que rodea a este libro, así como ao oficio de escritor.
Soubemos o porque dos personaxes, dos nomes, dos lugares, da historia, das ideas e das motivacións que o levaran escribir tan interesante libro.
Agradecemos a súa presencia connosco e que asinase os exemplares do seu libro.

13 de maio de 2013

CONTANDO CONTOS


O venres 10 de maio, un grupo de rapaces de 5º e 6º puxéronse diante dos micrófonos da emisora de Radio Redondela para contar contos. 
Escolleron dous títulos que se poderán escoitar na vindeira semana, a semana das Letras Galegas. 
Este luns, día 13, a partir das 21.00 horas, sintonizade os receptores no 94.9 ou no 94.4 e podedes escoitalos antes de ir á cama.

31 de xan. de 2013

NAVEGA CON RUMBO



O luns, día 28 de xaneiro, o alumnado do 3º ciclo de primaria  participou nunha charla sobre o uso correcto de internet e dos teléfonos móbiles. O alumnado opina que lles pareceu moi interesante porque descoñecían algún dos  perigos  que ten internet e o conferenciante resolveulles moitas dúbidas. Tamén reflexionaron sobre a necesidade de controlar os tempos de uso destes aparellos porque se se empregan mal producen máis prexuízos ca vantaxes.
Os rapaces e rapazas de 6º fannos un resume da charla en 10 claves importantes para unha navegación segura:
1. Non abras ningunha conta nas redes sociais sen o permiso dos teus pais.
2. Non deixes o Bluetooth aberto.
3. Non poñas contrasinais moi curtos porque poden ser adiviñados facilmente. Cambia de cando en vez os teus contrasinais.
4. Debes ter dúas contas de e-mail, unha cos teus datos reais para usar cos amigos, familiares,…, e outra con datos ficticios.
5. Non lle digas o contrasinal a ninguén (irmáns, amigos…e menos a descoñecidos) agás aos teus pais.
6. Non deas datos persoais nin de ningún membro da familia.
7. Non fales con descoñecidos nas redes sociais, nin aceptes agasallos de ninguén que non coñezas.
8. Antes de descargar algún arquivo de música, película, imaxe, ou documentos debes pasarlle o antivirus. Non fagas clic nos anuncios porque tamén che entran virus automaticamente.
9. Non subas fotos dos teus amigos sen o seu permiso e non envíes fotos de xente espida, nin entres nesas páxinas.
10. Se tés algún problema (ameazas, citas…) avisa aos teus pais ou profesores.

Debes controlar os tempos de uso do móbil e do ordenador.