13 de feb. de 2014

DÍA MUNDIAL DA RADIO



-     Hoxe 13 de febreiro celébrase o día mundial da radio. Imos ler un Manifesto en apoio da radio nas escolas



-  Facemos un pouco de historia:

“As radios escolares comezaron a implantarse en Galicia e no Norte de Portugal  a comezos dos anos 90. Do mesmo xeito, en America Latina proliferaron diversas modalidades de radios educativas e comunitarias. Desde entón, diversas foron as actividades e experiencias realizadas por cada unha delas sendo unha das máis importantes a participación ano a ano no programa de
Radio Interescolar Ponte...nas ondas! “


-     Por todo isto a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! e aAsociación Internacional de Radios Educativas ( AIRE ), representando ás escolas que traballamos coa Radio Escolar e uníndonos ao chamamento da UNESCO para celebrar o Día Mundial da Radio, MANIFESTAMOS:



1. Que as voces dos nosos xoves teñen dereito a expresarse nun medio de comunicación directo, simple e actual.

 2. Que un dos obxectivos da radio escolar é educar aos mozos e mozas en valores como a tolerancia, a solidariedade, a igualdade e a colaboración
a través do seu uso activo.

 3. Que as nosas voces precisan ter unha canle de difusión, facilitada pola administración, para poder establecer pontes coas nosas emisións, coas nosas familias e con outras realidades.
 
4. Que as distintas administracións educativas deberían fomentar a implantación e desenvolvemento das radios escolares como xeito doado de envolver aos nosos mozos e mozas en todas as fases de creación e produción nun medio de comunicación. Para iso, cremos imprescindible
que a administración cree un canal de radio exclusivo para as radios escolares.
 
5. Que a radio escolar constitúe a más eficaz ferramenta para a conformación das competencias comunicativas dos futuros cidadáns.
E para que as boas ondas cheguen por AIRE aos mellores oídos, así o proclamamos no Día mundial da radio o 13 de febreiro de 2014.